Civis Global mellora a seguridade en estradas e tuneis de Asturias

carretera Asturias
carretera Asturias

Civis Global reforzará a seguridade da estrada nacional 625 en Asturias.

12.09.2017

A construtora galega Civis Global realizará varias obras de mellora da infraestrutura viaria en Asturias. A principal actuación serán as obras de instalación dun sistema para emerxencias no túnel de Fabares, na autovía A-64, entre Villaviciosa e Sariego. Civis Global actuará tamén nun tramo da estrada N-625, na zona de Cangas de Onís.

A actuación no túnel de Fabares servirá para instalar seis comportas de despresurización nos accesos á galería central, que facilitará a evacuación en caso de emerxencias. Trátase dunha innovación recentemente adoptada en instalacións semellantes para evitar problemas provocados polo bloqueo dos accesos a galería de evacuación. En caso de incendio nunha das galerías, a presión introducida polo fume na zona intermedia que conecta as galerías podería dificultar a apertura das portas de comunicación. O sistema de comportas automáticas que se pretende introducir en Fabares permite resolver o problema.

Cangas de Onís

Na N-625 en Cangas de Onís, Civis Global traballará por encargo do Ministerio de Fomento nunha obra de substitución e mellora dos pretís de protección da estrada, para conservar a tipoloxía destes elementos de seguridade.

Civis Global ven de realizar en Asturias un traballo de recuperación medioambiental, co saneamento en 4 núcleos rurais do municipio asturiano de Laviana, cunha instalación para mellorar o tratamento das augas que van parar aos ríos Villoria e Nalón, entre os pobos de La Redondina e Entralgo.