Civis Global recibe o premio ao mellor edificio do ano

portada entrega aproin-2
portada entrega aproin

De esquerda á dereita: o presidente de Civis Global, Víctor del Canto; o xerente de Gescomar, Pablo Díaz; o asesor xurídico de Gescomar, Jerónimo Escariz; o xefe de obra, Juan Luis Díez e a directora financeira de Civis Global, Alicia Comesaña.

6.04.18

A entrega do premio Aproin 2017 ao mellor edificio de vivendas do ano na provincia de Pontevedra, serviu para destacar a calidade construtiva da compañía galega. A elección do xurado premia a un inmoble construído no centro da cidade de Vigo, na rúa Alfonso XIII. O acto de entrega do premio reuniu a unhas 200 persoas no Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, con nutrida presenza de representantes empresariais e de distintas institucións públicas locais ou autonómicas.

O presidente do xurado, Luis Espada Recarey, explicou no acto que “o que fixeron Gescomar e Civis Global é ter a constancia e a capacidade de crear unha obra ben feita, sostible e innovadora, mostrando así unha vontade transformadora”.

Na cerimonia estivo presente o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo que se referiu ao importante papel das empresas construtoras na economía “unha fonte de recursos que en última instancia, ao través dos impostos, contribúen a pagar moitos dos servizos que gozamos”.

O presidente de Aproin, Javier Garrido Valenzuela, insistiu pola súa banda en que os promotores “son un colectivo empresarial como os demais: tan só precisan un marco normativo claro e seguridade xurídica para desenvolver a súa actividade na cidade”.

A obra premiada é un edificio para 10 vivendas, garaxe e baixo comercial na rúa Alfonso XIII de Vigo. Construída por Civis Global para a cooperativa Gescomar caracterízase pola seu alto nivel de persoalización, case un proxecto ‘á carta’ por cada vivenda. Como destacou Pablo Díaz, xerente de Gescomar, foi unha obra complicada que puido realizarse grazas ao bo entendemento con Civis Global.

O equipo directivo de Civis Global estivo representado polo seu presidente, Victor del Canto; o director xeral, Celso Piñeiro; a directora financeira, Alicia Comesaña, e o xefe da obra premiada, Juan Luis Díez Elorza.

Civis Global desenvolve diversas obras de edificación e mellora urbana na cidade de Vigo, como as escaleiras mecánicas de acceso ao casco vello de Vigo, postas en marcha recentemente ou a reforma do entorno na Praza de Compostela, que rematará proximamente e permitirá reabrir ao tráfico unha das zonas máis céntricas da cidade.