Civis Global revive a construción de vivendas en Vigo

portada construccion Rosalia de Castro
portada construccion Rosalia de Castro

Terreo de Rosalía Castro nunha de cuxas parcelas Civis Global inicia a construción dun edificio de vivendas.

22.06.2018

A construtora galega Civis Global emprende este verán a súa obra de edificación residencial máis importante dos últimos anos. A compañía constrúe un edificio de 73 vivendas nun gran terreo emprazado no centro da cidade (rúa  Rosalía de Castro). Trátase do maior edificio de vivendas que se realiza en Vigo en varios anos. A forte recesión inmobiliaria (2008-14) e a suspensión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo en 2015 paralizara ata agora a construción de grandes edificios de vivendas novas na maior cidade de Galicia.

Civis Global levantará para a empresa promotora Unión Hotelera Gallega, un edificio destinado a vivendas de 9 plantas e baixo cuberta, con catro sotos, nunha das parcelas dispoñibles nesta zona duns 1.000 m2 de superficie, entre a rúa Rosalía de Castro e a de Miragalla. As obras que agora comezan coa preparación do terreo e a construción dos muros de contención teñen un prazo de execución previsto de 18 meses.

O terreo no que se constrúe está situado a escasos metros da rúa Areal e no seu momento todo o solar estivo sometido a labores de escavación para detallar aspectos arqueolóxicos de interese. Eses labores, ademais dos problemas derivados da suspensión parcial do planeamento urbanístico de Vigo, retrasaron as iniciativas de construción previstas para esta zona de Rosalía Castro, unha das áreas residenciais máis destacadas da cidade.

A construtora gallega Civis Global ten sido galardoada este ano pola asociación de promotores Aproin polo seu edificio de vivendas para a cooperativa Gescomar na rúa Alfonso XIII en Vigo. A compañía afronta outros proxectos de edificación, como a rehabilitación dun edificio con cinco plantas para 15 vivendas na rúa Luis Taboada, na zona residencial da Alameda de Vigo. Tamén constrúe en A Coruña unha obra residencial para a inmobiliaria Solvia na céntrica zona da avenida Fernández Latorre.