


Vista das instalacións da planta pesqueira de Fandicosta en Domaio (Moaña – Pontevedra).
27.03.2017
A construtora galega Civis Global avanza na construción da nova planta industrial da empresa pesqueira Fandicosta en Domaio (Moaña, Pontevedra).
Tras a instalación de máis de 3.500 m² de micropilotes para a cimentación dun terreo construído nunha zona de recheo sobre o mar, construirase a nave principal: unha estrutura de paneis de fachada de formigón de 5.700 m². O proxecto inclúe tamén a ampliación das outras naves existentes.
As obras permiten recuperar e potenciar totalmente a actividade dunha das principais empresas de alimentos do mar de España. Fandicosta sufriu en maio de 2016 un devastador incendio que destruíu totalmente a súa nave principal e afectou a outras plantas do seu complexo na ría de Vigo.
O proxecto de Civis Global permite desenvolver unhas instalacións pesqueiras de última xeración, cun novo edificio de oficinas e almacenamento e 8.000 metros cadrados de superficie industrial totalmente equipada. Civis Global afronta a ampliación das naves B e C nas que se concentra actualmente a produción e almacenamento da planta frigorífica. A execución completa de todas as obras ten un prazo de 10 meses.
Civis Global realiza un traballo especializado sobre todo polo que se refire á instalación das cámaras de frío, dotadas dunhas soleiras especialmente axeitadas para resistir as baixas temperaturas ás que estarán sometidas (entre -20º e -25º).
Tamén destaca a parte loxística, coa habilitación de 12 peiraos de carga e descarga para camións para optimizar as operacións. Por último, ao tratarse dunha zona de recheo gañado ao mar, a cimentación é un dos traballos destacados para unha nave que ten uns 15 metros de altura.
A experiencia de Civis Global na construción para o sector pesqueiro está xa acreditada coa construción da moderna planta central de Frigalsa/Atunlo na zona de Beiramar (Vigo), tras o incendio que destruíu a antiga instalación de Freiremar. A actual planta de Frigalsa/Atunlo realizada en 4 meses, conta con 3 cámaras de conxelado e unha frigorífica nunha edificación de 9.750 metros cadrados.