
Panorámica do viaduto, coa zona para uso peonil en primeiro termo, limitada coa calzada para o tráfico e o valado sobre a autoestrada.
8.09.2025
As obras de mellora de infraestrutura viaria realizadas por Civis Global para a renovación do viaduto de Trasmañó sobre a AP-9 conseguen aumentar a capacidade deste paso estratéxico entre Vigo e Redondela.
A vía é moi utilizada pola poboación desta parroquia redondelá, e ademais é un paso natural para os moitos peregrinos que recorren o Camiño de Santiago pola costa, entre Vigo e Redondela.
A actuación principal desta execución de reforma integral é a instalación dunha estrutura lateral en aceiro para ampliar o ancho do viaduto. Unha obra de enxeñería que modifica a configuración do paso sobre a autoestrada, cambiando a posición da calzada e beirarrúas para engadir unha nova estrutura metálica pola banda esquerda. Sobre esta nova superficie execútase unha pasarela protexida para peóns de 1,7 metros de ancho.
A ancoraxe desta peza que abraza a estrutura do viaduto foi unha operación complexa, realizada coa supervisión da equipa técnica de Civis Global, para a que se usaron unha grúa e dúas cestas elevadoras. Realizouse en horario nocturno, para non interromper o tráfico na AP-9.
O resto das actuacións sobre este paso de 71 metros de lonxitude centráronse na rehabilitación completa da plataforma, e a substitución de todos os elementos e servizos existentes.
O novo viaduto conta agora cunha ampla superficie para o tráfico ademais dun novo sistema de drenaxe e iluminación.
As obras da ponte de Trasmañó forman parte dun conxunto de actuacións nesta zona da AP-9 realizadas por Civis Global, como a renovación de servizos e mellora dos viarios e espazos peonís existentes na rúa Pasán, Camiño Mouriño e na contorna da carreteira O Torreiro, comunicado agora coa rúa Pasán mediante un novo viario. Son todas elas actuacións que dan unha maior permeabilidade á contorna da AP-9 na zona de Chapela (Redondela), mellorando a accesibilidade e a seguridade.



