Vista actual da Avenida de Castelao en Illa de Arousa, con plataforma única para peóns e vehículos, delimitada por cambios no pavimento e zonas transversais para limitar a velocidade.
10.04.2023
Coa obra de reforma realizada na Avenida Castelao, a principal arteria da trama urbana da Illa de Arousa convértese nun bulevar que dá preferencia ás persoas.
A instalación dunha ducia de bancos e 30 grandes xardineiras remodelan esta vía duns 500 metros de longo nun espazo de 5.300 m2 para uso veciñal.
A anterior vía de dobre sentido é agora unha plataforma única, onde as beirarrúas dispoñen de máis do dobre de ancho, nunha zona onde predomina a vivenda unifamiliar.
O pavimento está rematado en formigón, con forma de empedrado na parte peaonil e en cor negra na zona de vehículos, separadas lonxitudinalmente por lousas de granito. Unhas bandas transversais, tamén en granito, aportan un efecto visual disuasorio aos condutores, limitando a súa velocidade.
A actuación complétase coa instalación de 48 novos farois, en columnas ou fachadas, ademais da renovación de todas as conducións de auga e as redes de electricidade e telefonía que van agora soterradas.